DEREITOS LINGÜÍSTICOS.- A Mesa cualifica a de hoxe como unha ‘manifestación do odio e a intolerancia, tristemente apoiada polo PP’
[08/02/2009]
“O PP consumou hoxe unha traizón aos seus votantes que falan en galego”
“A excepción do PP, que foi quen mobilizou, todas as entidades que secundaban a marcha son foráneas ou socialmente residuais”
A Mesa pola Normalización Lingüística valorou a manifestación realizada hoxe en Santiago de Compostela como “un fracaso para a convivencia de todos os galegos e de todas as galegas” e lamentou que se trate “dunha mobilización non para que se garantan dereitos, senón para retirarllos a outros e que se desampare totalmente a quen queira falar e vivir na lingua propia de Galiza”. Este colectivo cualificouna como unha “marcha do odio, a intolerancia e o racismo lingüístico”.
Para a maior asociación cultural galega é especialmente preocupante o apoio do PP a esta marcha, “a única entidade de relevo que a secundou e a que de verdade mobilizou a xente co seu toque de corneta, pois o resto dos respaldos son de organizacións non galegas, que descoñecen a nosa realidade, ou que son socialmente marxinais”. Entre estas entidades, A Mesa chama a atención ao apoios explícitos da extrema dereita, como a Falange Auténtica e ao comunicado da AVT no que se equiparou a defensa do galego coa coacción e a exaltación a ETA.
Para A Mesa, a actitude do PP protagonizando esta “marcha do odio” e chamando a participar na mesma “consuma unha traizón aos seus milleiros de tradicionais votantes que falan en galego”.
Esta asociación lembra tamén “a hipocrisía de que o PP se manifeste contra normas que aprobaron eles durante os seus gobernos, como a Lei de normalización lingüística, o Plan Xeral de normalización da lingua galega ou a Carta europea das linguas rexionais ou minoritarias”.
A respecto dos obxectivos formulados na convocatoria, A Mesa considéraos “predemocráticos” e lembra que nin a Constitución española nin o Estatuto de Galiza amparan o “ disparatado dereito á ignorancia do galego” que algúns defenden e sinala que “pretender evitar que os nenos e as nenas tamén aprendan en galego suporía unha fractura social”.
Pola contra, desde A Mesa manifestan a súa “defensa da igualdade xurídica e social do castelán, a lingua oficial do Estado, co galego, a lingua natural de Galiza” e conclúen: “Quen honestamente diga defender o bilingüismo, debería apoiar o idioma que está discriminado e non saír en manifestacións para que se machaque aínda máis.” |