A Mesa pola Normalización Lingüística
Noticias
Quen somos?
Que facemos?
Campañas
Mediateca
Lexislación
Ligazóns
Colectivos
Especiais
Tenda
Asóciate

DEREITOS LINGÜÍSTICOS.- A Mesa lembra que 'a triste realidade é que en Galiza aínda non se pode vivir en galego con normalidade'


[10/02/2009]

O presidente da asociación tachou de “sonoro fracaso” a manifestación deste domingo en contra da lingua galega

“O PP, da man de Falange, consumou a traizón contra os seus votantes que falan galego”, asegurou Callón

“Foi unha mobilización de odio e intolerancia contra a lingua que nos une como galegos e como galegas”. Así cualificou o presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, Carlos Callón, a manifestación contra o galego que tivo lugar este domingo en Santiago de Compostela convocada pola asociación Galicia Bilingüe.

O portavoz da Mesa aseverou que “fronte á manipulación e á terxiversación, cómpre centrar o debate: a lexislación lingüística continúa sen aplicarse mentres eles defenden o dereito á ignorancia”. Callón argumentou que “o mesmo que non poden dicir que aos seus fillos ou ás súas fillas non lle ensinen matemáticas ou educación para a cidadanía, non poden dicir que non lles ensinen en galego, porque o alumnado ten o dereito a formarse e a un ensino de calidade”. Carlos Callón recordou que “segundo un recente estudo do Consello da Cultura Galega unha parte importante do alumnado remata secundaria sen competencia suficiente en galego”, polo que habería que preguntarse “se a Consellaría de Educación e a Secretaría Xeral de Política Lingüística (que depende do Presidente da Xunta), están facendo o suficiente”. “A triste realidade é que en Galiza aínda non se pode vivir con normalidade en galego, que tal dereito está desamparado”, indicou.

“Non se pode negar que foi un sonoro fracaso e un batacazo para os convocantes e para a principal organización que lle deu respaldo, o Partido Popular”, valorou o presidente da asociación en defensa do galego, para quen o resto de forzas que apoiaron esta mobilización son “marxinais e de fóra”, en referencia, entre outros, á Falange, UPyD e Ciutadans.

Asegurou tamén que “causa pavor” que o Partido Popular fose “collido da man dunha organización de extrema dereita como a Falange, que ninguén pode pensar que defende o bilingüismo e a igualdade de dereitos para o galego e o castelán”.

Callón rexeitou máis unha vez calquera acto de violencia e amosou a súa preocupación polo xeito no que discorreu a manifestación. “Denunciamos tanto o comportamento de grupos minoritarios vandálicos, sobre os que debe caer todo o peso da lei, como coas actuacións policiais inxustas e arbitrarias das que informaron varios medios de comunicación, que deberían tamén ser fiscalizadas”. Neste sentido, informou de que A Mesa, dentro do seu ámbito de actuación, vai cursar queixas perante a Delegación do Goberno e perante o Ministerio do Interior pola criminalización dos galegofalantes que tivo lugar este domingo: “Pedíronlle a identificación a xente que paseaba pola zona vella de Santiago, mesmo en zonas afastadas do itinerario da manifestación, só por falar en galego, algo que dá conta do verdadeiro carácter da convocatoria”. Callón afirmou tamén que “os actos violentos non corresponden coa realidade do noso país”.

O presidente da Mesa tamén se preguntou cantos dos manifestantes viñeron por vez primeira a Galiza, xa que asegurou que a organización ten constancia de “uns 20 autobuses, cando menos, chegados de Madrid, Burgos ou outros puntos do estado”. “Con que dereito veñen aquí para dicirnos en que lingua temos que falar ou educar os nosos fillos e as nosas fillas?”, asegurou, e aludiu a “Rosa Díez ou Albert Rivera, representantes de organizacións residuais ou inexistentes no noso país”. Callón recordou que o peor resultado de UPyD nas eleccións ao Congreso dos Deputados foi “aquí en Galiza” e asegurou que nesta organización “o único punto programático que predican é que a identidade e a cultura galegas non serven para nada”.

O presidente da Mesa viu o pasado día 8 un Partido Popular “dividido e que congregou moita menos xente que en calquera dos seus actos electorais”. Aínda así, sinalou que “os seus principais dirixentes, que tamén encabezan listas, acudiron, consumando unha traizón aos seus votantes que falan galego”. Callón aconsellou a estes dirixentes “que tomen rabos de pasa para a memoria”. “Estanse manifestando contra unha Lei de Normalización Lingüística e un Plan Xeral de Normalización que se aprobaron co PP gobernando”, asegurou Callón. “É que non era deputado Mariano Rajoy no Parlamento galego cando se aprobou por unanimidade a Lei de normalización lingüística? É que Corina Porro non foi conselleira con esta lexislación en vigor e cun decreto de galeguización do ensino? É que Alberto Núñez Feijó non era vicepresidente da Xunta cando tamén se aproba por unanimidade o Plan xeral de normalización da lingua galega?”, concluíu.

MÁIS INFORMACIÓN NOUTROS MEDIOS DE COMUNICACIÓN:

  • Balance da protesta de Galicia Bilingüe: Todo depende do idioma no que se fale [G-E 11/02/09]

  • Protestan pola actuación policial na manifestación de Galicia Bilingüe [ABC 10/02/09]

  • A Mesa critica a actuación policial durante a manifestación de Galicia Bilingüe e condena `todo acto de violencia´ [EP 10/02/09]

  • A Mesa envía unha queixa a Interior por vulnerar dereitos lingüísticos [ECG 11/02/09]

  • A Mesa pola normalización lingüística denuncia que a policía identificou a quenes falaban galego na marcha [ED 10/02/09]

  • Aínda temos analfabetos na nosa terra [GL 10/02/09]

  • Pólvora para Carlos Callón [ECG 11/02/09]

  • Arriba

    Máis noticias

    17 DE MAIO.- A Mesa lamenta as insinuacións 'violentas e carroñeiras' de Galicia Bilingüe

    ARTIGO.- 'A forza da palabra', por Carlos Callón

    DEREITOS LINGÜÍSTICOS.- A Mesa valora que a escasa afluencia á manifestación supón un 'batacazo' para os convocantes e para o PP

         
       

    Noticias | Quen somos | Que facemos | Campañas | Mediateca | Lexislación
    Ligazóns
    | Colectivos | Especiais | Tenda | Asóciate