17 DE MAIO.- A Mesa lamenta as insinuacións 'violentas e carroñeiras' de Galicia Bilingüe
[19/03/2009]
A Mesa, amosa o seu rexeitamento ás insinuacións “violentas e carroñeiras” realizadas onte pola asociación galegófoba Galicia Bilingüe a través dos seus portavoces, que afirmaron que “A Mesa se poderá manifestar o 17 de maio sen recibir botellazos”, dando a entender que A Mesa ampara ou promove a violencia. “É unha vileza que retrata a quen o di. Válelles calquera mentira e calquera insulto, mesmo o máis noxento, con tal de propagaren as súas ideas fóbicas”, sinalan desde a organización cívica en defensa do galego.
A Mesa, como é sabido, sempre rexeitou e rexeitará calquera acto de violencia, igual que rexeita as “ideas de racismo lingüístico, que crean confrontación social e danan a convivencia”. A maior asociación cultural de Galiza observa que “a cinicamente chamada Galicia Bilingüe non ten ningún pudor, pola contra, en recibir o respaldo e o apoio activo de entidades da extrema dereita como a Falange ou doutras entidades, como a AVT, que igualaron a defensa do galego coa coacción ou a exaltación a ETA, un insulto gravísimo que non foi emendado”.
Desde A Mesa manifestan a súa “defensa da igualdade xurídica e social do castelán, a lingua oficial do Estado, co galego, a lingua natural de Galiza” e conclúen: “Quen honestamente diga defender o bilingüismo, debería apoiar o idioma que está discriminado e non saír á palestra para que se machaque aínda máis.” |