XUNTA.- A Mesa reclama a dimisión dos conselleiros de Educación e Cultura pola súa ‘nefasta e crispante xestión’
[30/01/2010]
Carlos Callón: “A sociedade galega non se merece un goberno tan queimado, rexeitado e desacreditado como o que padecemos”
A Xunta Directiva da Mesa pola Normalización Lingüística acordou esta mañá por unanimidade iniciar unha campaña de envío de comunicacións ao presidente do Goberno galego para que “modifique en profundidade a súa política educativa, cultural e lingüística”. Nese sentido, solicitan que comece “retirando aos titulares destes departamentos, que demostraron a súa incompetencia para gobernar e a súa prepotencia á hora de falar cos principais axentes dos seus respectivos sectores”. “Estamos ante un goberno queimado, rexeitado e desacreditado, mais Alberto Núñez Feijóo aínda está a tempo de rectificar e escoitar a sociedade”, declarou o presidente da asociación, Carlos Callón. “Se non o fai e continúa con esta política de crispación, división e insultos, os problemas non farán máis que agravarse, o cal non será bo para ninguén”, aseverou.
Callón lembrou que A Mesa, cos seus 4.000 afiliados e afiliadas, é a “maior asociación cultural de Galiza” e que, como tal, non pode máis que “sumarse ás voces que unanimemente, desde os máis diversos puntos de vista ideolóxicos, reclaman a inmediata saída do goberno de Roberto Varela”, ao cal cualifican de “xestor nefasto”. “Seguramente somos o único país do mundo no que o responsábel de promocionar unha cultura a descoñece, a menospreza e a ataca”, apuntou.
Ademais, aseverou que “tampouco temos constancia doutro lugar do planeta no cal un goberno democrático siga adiante cunha reforma educativa a pesar de contar cun rexeitamento tan unánime como o que concita o decretazo contra o galego”. “O conselleiro de Educación, Jesús Vázquez Abad, é incapaz de respectar consensos e procurar puntos de encontro, parece un pirómano disposto continuamente á confrontación e á polémica en puntos tan sensíbeis para a vida social como o ensino”, polo que A Mesa reclama “a súa inmediata dimisión ou cesamento”.
A Xunta Directiva da Mesa, na cal están representados os membros da súa Comisión Permanente, os responsábeis dos grupos de traballo comarcais e os responsábeis das seccións nacionais, acordou por unanimidade comezar esta campaña. Carlos Callón sinalou que a mesma terá como uns dos seus principais destinatarios “os homes e as mulleres que votaron PP nas últimas autonómicas, para que reflexionen se respaldaron a Núñez Feijóo para isto, para que exista esta crispación inédita en toda a historia da autonomía e estes insultos e agresións constantes contra a nosa cultura”. |